Quinta intempestiva

11588_Andre_Kertesz

Os cólicos do tempo son sempre misteriosos

Persiga algunha nube

Non dexe de soñar

E tome sete cápsulas de frío con soidade

E lave os labios tristes con follas de salgueiro

E déixese levar por ríos en outono

E báñese con lúas de bronce por xaneiro

Camiñe as longas tardes

con música de queixa

e volva en vinte días

Frecuente máis o mar

Os cólicos do tempo proveñen da saudade

e poden ser tan breves que a alma se decline

igual que un verbo vello en linguas esquecidas

o mesmo que as maceiras florindo por abril

Ou poden prolongarse por riba das hortensias

abrir un pozo azul

camiños de silencio

e nunca máis volver de longa que é a partida

Os cólicos do tempo

Quen dera coñecelos!

Mal poden vellos sabios dicir unha palabra

Segredos hai por riba por baixo e arredor

Misterios que conducen á luz do esquecemento

Os cólicos da noite do día ou desas tardes

insomnes que proxectan con sombras de ameneiro

ao longo do traxecto de altos ríos

Os cólicos quen dera

do tempo coñecelos!

Mais debe ser amigo das flores e bailar

Tomar auga fervida con follas de tristeza

e ver xirar un barco no fondo da distancia

Seguir coa man o rumbo da pálida andoriña

e dar contra os valados dos límites un pranto

escura ladaíña

Camiñe Non se pare Percorra algunha estrada

collendo margaridas ou vendo aves canoras

e pouse a man durmida no alto do faiado

Revise as vellas cartas os mapas que empregou

indómito en viaxes de cinza polas pedras

e déixese cantar

Que alguén lle entregue a sombra do corpo esparexida

nun voo de voz aberta aos séculos vindeiros

E diga trinta veces: caravanserai

 

Os cólicos do tempo

Quen poidera meu amigo!

Advertisements