Terceira intempestiva

 

29-Y9EBMA5700

Non foi o mar que acende o día co seu brillo

un mar de cinza antiga ou borra de tristeza

nin mar que se acrecenta en ondas como imperios

nin mar que as aves vexan efémero e caduco

alá desde as alturas do inverno cobizosas

mais si foi mar de acougo e viños de alegría

un mar con mares de ánforas e grecias polo fondo,

un mar como un océano a inzarse de ledicia.

 

Non foi tampouco a tarde un eco de auga espida

nin foi como un silencio a fonte que verteu

garrafas de ouros líquidos e insomnes pentagramas.

Si foi a tarde un pouso de sombras de andoriñas,

un peso ponderado de brisas esquecidas,

tocando a pel tan leves que mesmo esparexían

sementes doutro outono vivido alá no fondo

das páxinas gardadas remotas en diarios.

 

Mais foi a noite un voo de tebras pola alma,

un peixe atormentado, a sombra da fatiga,

un vello caracol detido na metade

da estrada, cobizoso da morte como roda.

Advertisements