Segunda intempestiva

tumblr_l699s9w0Qi1qa95wro1_500

A tarde quixo onte mostrar o acontecer

das cousas sobre o mundo

e trouxo un voo de alauda,

un eco do bater dun corpo contra o fondo

do solpor.

E foi como un segredo, un cólico dos signos,

o insólito arrebato dos ollos que se encontran

e dan en perseguir inéditos xardíns

de flores alá adentro.

Non foi unha tormenta. Tampouco un mal naufraxio.

Máis ben unha arribada de naves no fechar

das contras, a impedir

que os líquidos ardesen.

Mais ben un voo de antigas pregarias que deixaban

un pó de cinza vella por riba das hortensias.

 

Mais todo foi axiña. De presa aconteceu.

Deixounos o sabor de mel que acaso teñan

os labios do imposible.

Advertisements