Primeira intempestiva

surrealist-photographs-of-anja-stiegler-05

O vento está deitado no xardín.

Deixou de esparexer o voo do tempo irado.

Non sopra nin refunga. Só flúe como un remanso

de augas en setembro.

O vento alenta agora ao meu favor.

Que grato o seu virar no estremo do faiado,

a música que alenta en ás de sombra seca

e vaise esparexendo en signos inaudibles,

e volve decretar un leve harpexio branco.

O vento veu dicirme oh amigo canto tempo

había que non viñas oír o meu fungar

e daba por perdida a luz do teu alento

e daba por gastado o brillo do teu canto.

O vento está deitado no xardín.

Non dorme. Está mirando

o xeito en que as maceiras se inclinan contra a tarde.

Advertisements