candea

chama viva

Os mortos que executa o mar do esquecemento

pairando van nas ondas, non chegan ata aquí,

nin tiran os reloxos dos pulsos que perderon.

Só miran para o fondo soñando unha verbena

de peixes a bailar e un branco carrusel

de barcos afundidos, de pozos desecados,

de aves que se afastan e deitan na distancia

un círculo de cinza, aneis de nubes baixas,

solemnes escaleiras que soben a ningures.

Os mortos que alá veñen do fondo do misterio,

felices de sorrir con algas no cabelo

e túnicas deixando ronseles de brancura.

Os mortos que executan os mares da soidade.

Advertisements