barcos

tha_lost_ships_in_the_sky_by_cute0designer-d3fjt7m

Os barcos que regresan e van deitando as áncoras

no fondo deste porto da memoria

sulcaron noutros tempos os mares que eu vivín

e foron percorrendo as décadas e os meses,

os lagos que abril puxo no inverno engalanado.

Son barcos como corpos que outrora se afundiron,

divisas ou emblemas que o vento esfarrapou

e foi esparexendo por fondos abisais,

por leitos de rochedos ou areas.

Os barcos como aves dun ceo de ocaso azul,

silentes debuxando a liña do ronsel

e a lámina febril do océano rompendo.

Os barcos como verbas, palabras que calei

e fun gardando en sacos de tristeza.

Os barcos como illas, tamén como distancia.

Os barcos como incendios que o vento propagou

nas illas onde habitan as sireas.

Advertisements