veigas

Sarolta-Ban9

Nas veigas que abril abre no sur como unha porta,

deixando entrar o vento, tamén algo de chuvia,

repousa o corpo antigo, que amou na mocidade,

o corpo aquel que eu tiven e foi para o naufraxio.

Ben vexo entre as súas mans as follas dun poema,

as follas dunhas flores que abril esparexeu

e foi deitando en praias, en noites, en hortensias,

semente dunha longa, infinda sinfonía.

Tamén conservo frías as augas daquel tempo;

as augas que chegaron de mares na distancia

e viñan dando conta da noite e do misterio;

as augas que se ergueron nun vello pentagrama

e alí deixaron aves e xílgaros e canto;

as augas que eran aves de estraña natación.

Son veigas que amañecen ás veces cando soño,

camiños que fundou o tempo pola infancia,

laranxas expremendo, mazás como agasallo,

e o río na difusa, celeste expiación

de todos os pecados, de tantas ignominias.

Que ben sentir chegar xa vello aquelas tardes,

cabalos de pel branca que viran para o sur

e deixan un silencio, un voo como de pausa.