Fortuna

Do vento amargurado que chega algunhas tardes

soprando desde o fondo da memoria,

os barcos empurrando camiño do porvir,

igual que se seguise un rumbo prefixado,

tamén chegan ás veces os ecos do naufraxio,

das naves que ficaron ao lonxe esmaceladas,

dos beixos que mordeu a morte sobre o mar,

abrindo antigas chagas e outonos cicatrices.

 

Son ventos que abren harpas e pousan un cristal,

un líquido feliz que bebe do silencio

e  vai gañando arcos e portas e murallas,

obstáculos que a noite dispuxo contra min

por ver de derrubarme igual que antigas torres.

 

Mais eu conservo a sorte. Fortuna abenzoou

o corpo aquel que eu tiña, o mesmo que, ficando,

aspira a novas décadas, a séculos vindeiros.

O corpo como un voo da noite entre palabras,

o corpo como un día de nubes e tristeza.

Advertisements