destino

bloodofapoet

As torres que eu erguín na altura dos meus anos

virando van en néboa, entullos e borralla.

Do ceo que outrora ían camiño de atinxir

non vai ficando acaso máis eco que a distancia.

Os barcos afundiron, as velas esqueceron

turrar do barco inerme coa brisa amolecida

e o mar ficou varado, un mar de esquecemento.

 

Oh terra, terra miña, lugar que o inverno ensume

en cólicos de pranto, por onde o teu porvir?

Será que desdebuxas agora o teu perfil

á espera doutra seiva máis nova e renovada?

Será que non dispomos da honra de servirte,

do orgullo de ser sabios?

Será que está apagado de novo o teu solpor

ou pode que o mencer ficou máis unha vez

na loita entre o destino e os erros dos humanos?

Advertisements