corpos

tumblr_l2mk627qHV1qzw3rzo1_500

os corpos en que deita a lámina do mar

o voo febril da nova primavera

son corpos que o sol ama, que prende co seu lume

e obriga a que procuren o alivio deste sal,

océano do azul e imperio da frescura.

 

oh corpos que eran belos nos días doutro tempo,

fechados en cancións, en fotos, en pregarias,

e agora requeimados no incendio da memoria.

 

oh corpos como índices dos días que perdín,

solemnes no seu rito de espellos e de sombras,

caídos contra o fondo do ocaso entre palabras,

felices no esplendor que o mar fixo naufraxio.

 

os corpos como frechas que Amor foi disparar

no centro das burbullas do desexo,

os corpos como lentos cristais que se romperon

e deron en misterio dos espellos

os corpos delicados,

os corpos deliciosos,

os corpos que unha tarde soubemos que chegaban

con fames e con sedes do fondo da tristeza,

os corpos como neves que o tempo derreteu,

os corpos como vellas faíscas apagadas.

os corpos que Amor puxo no fondo deste ollar

e dixo aquí che deixo materia namorada,

convén que te apresures, son voos de tempo iluso,

cadáveres que aínda non teñen a benzón

da morte ou da tristeza ao sur do esquecemento.

 

e nós fomos tocando a sombra deses corpos,

soubemos do seu tacto, do frío ou da calor

que tiñan no seu ventre

e foise derrubando o mundo sobre nós

e os corpos afundiron igual que vellos barcos,

deixaron un ronsel de sangue sobre a praia,

sinais de que Amor pode tamén virar en sombra,

vestixios de que un día tivemos mocidade.

 

os corpos que eu amei, que acaso desexei,

e fun desdebuxando coas horas e a tristeza,

o mesmo que alguén deixa no lixo vellas cartas,

o mesmo que alguén fende cristais enneboados.

Advertisements