Novamente Inverness

surrealmanip10

Non son as longas tardes materia que me ocupe;

non son aqueles vidros que fan ferver o mar

erguendo unha faísca cromática de incendios,

de nubes, de clamores, o centro do meu canto.

 

Mais levo tardes tantas pesando no fardel

que cargo no meu lombo que aínda podo estar

de pé contra  a distancia na infinda despedida

as tardes a partir por sempre na súa nave,

erguendo panos brancos, vertendo bágoas secas.

 

Oh cando pode agora o peso dunha tarde,

que pouco aguantan xa os ombros que acolleron

aqueles soños mortos, silentes fantasías,

de encher algunha tarde dun tempo por chegar

de espellos e lanternas, de música e de chagas.

Advertisements