INVERNESS. Soneto en alexandrinos brancos

VINO SURREAL

Do pouso que deixaron en min vellos licores,

bebidos contra o muro da tarde na distancia,

algúns inda perduran no fondo do padal,

imaxe de si mesmos no espello da nostalxia.

 

Son maltas destiladas acaso por Escocia,

tesouros que xurdiron de vellos alambiques

que foron, pinga a pinga, vertendo unha soidade

de heroes perante o ocaso, de vellos estorniños.

 

Non debo xa bebelos, prohibíronme libar

o mel desas garrafas que alguén por veces manda

do fondo dun pasado acaso consumido.

 

Non debo nin sequera pensar en como eran,

docísimos acordes, as músicas que enchían

o corpo cunha lenta, mistérica embriaguez.

Advertisements