chuvia

sarolta-ban241

Harpexian hoxe as chuvias no alto do tellado

E a casa enteira cobra un eco de harmonía,

O gris emborrallado do inverno na distancia

Tanxendo unha harpa azul de nubes e de cores.

Así debeu de ser nos tempos en que aínda

Ninguén moraba aquí e as pingas penetraban

Na casa abandonada. Despois chegamos nós

Cubrimos o tellado, tiramos a madeira

Que estaba apodrecida, puxemos novas tellas.

E lembro que dixemos: que siga este clamor,

Que nunca deixe outubro, novembro, abril, xaneiro,

De darnos a lección de insólita cadencia,

De ritmo e melodía. Que a música non cese.

Por iso nestes días de corpo abandonado,

No límite febril do ensoño e da conciencia

Deitado en branco leito, as páxinas dun libro

Prendidas entre os dedos, a chuvia non molesta,

E unha lira de auga, unha acuática harpa,

Asolaga os meus soños,

Tira a sede ao meu voo.

Advertisements