Santorini

santorini-one-of-the-most-picturesque-islands-santorini-greece 12910915175-tpfil02aw-22406

Bate a néboa do mar unha corda de sombra,

Unha páxina escura de música bruna,

A forma espectral de amostrarse os enigmas.

Do navío regresa un reflexo incesante

E o velamio que inflaman os folgos do vento

Desdebúxase, perde a súa forma

E parece que o barco nos leva

A un instante do olvido.

Aquí estamos, no centro

Das vodas do tempo e a amnesia,

No convite nupcial da memoria e os séculos,

Abraiados no rito de tanta brancura.

Pola proa dos meses o horizonte é confuso

E na liña que resta do corpo do mar

Non hai nada. Só un soño,

Unha especie de antiga visión que desexa volver

Para o centro da esencia do día.

E se o ocaso deixase constancia

Do seu lento vagar sobre a morte da tarde

O amarelo viría, e o vermello tamén,

A triunfar sobre o corpo da exacta brancura.

E aquí estamos,

No olvido do instante, no centro

Das horas

Na néboa.