perfume

tumblr_lep5yaKh0l1qa95wro1_500

 

ás veces un perfume perdura como sombra

 

ti vas tan intranquilo seguindo o teu misterio

e escoitas como chega un século de rosas

un pó de pedras altas caídas desde o fondo

dun  cofre ben fechado de vellos tulipáns

e ves que ao lonxe dormen insólitas papoulas

mazás de limpo vidro hortensias inda ebrias

e longas cicatrices que sangran un aroma

de arroces fermentados e pétalos de voo

 

e ás veces un perfume que pasa por alí

decide frecuentarte como sombra

a aba dun sombreiro nacida dos enigmas

a filla dunha flor crecida como arbusto

 

e entón dormes á sombra dun perfume

lugar que o vento sabe e emprega como centro

na umbría engalanada no escuro perfumado

o vento que che furta do peito e dos pulmóns

a onda arrebatada de sal e de distancia

Advertisements

procrastinación

carpe diem

oh segue esparexendo semente polos campos

inclínate contempla a sombra dos teus pés

igual que se verteses licor de esquecemento

licor da túa memoria perdida ou fusilada,

licor de lúa acesa no porto dos teus soños,

vagando entre os sepulcros de vellos cemiterios,

licor de pan durmido licor de néboa triste

licores de ouro ou prata ou flor de porcelana

 

se o porto no que ancoras os círculos do voo

deitando en arredores de cinza os teus escrúpulos

non é máis que unha abra de abril pola distancia…

 

se os ollos con que miras a sombra dos teus pés

non serven para abrir a carne das mazás

os libros da tristeza…

 

se a morte pousa aquí a man sobre o teu lombo…

Phebo

Tales-from-the-hidden-attic

O sol que hoxe florece nas árbores do outono

os corpos aquecendo, os ríos prateando,

regresa desde o fondo de séculos de néboa

acaso rescatado dun saco de ladrón:

o frío que me encheu os osos de tristeza.

É un brillo singular, máis propio doutro tempo,

fervor dun cosmos longo, que expanden os titáns

e vai pousando un tacto de agarimo,

un voo de linguas quentes e secas que amañece,

deixando atrás a noite e os xeos que nos verte.

Non forma parte certa de escuras previsións,

non houbo quen dixese: o sol vai fulgurar.

Nin houbo, pola contra, ninguén que sospeitase

que a chuvia seguiría no aínda das tormentas.

Oh Phebo, luz solar, esencia do claror,

minuscula a túa estrela nas luces do universo,

que fas que hoxe regresas, así, sen anunciarte,

o mesmo que un amor perdido, unha nostalxia,

un libro no que alguén dispuxo unha montaña,

un século de dúbidas.

candea

chama viva

Os mortos que executa o mar do esquecemento

pairando van nas ondas, non chegan ata aquí,

nin tiran os reloxos dos pulsos que perderon.

Só miran para o fondo soñando unha verbena

de peixes a bailar e un branco carrusel

de barcos afundidos, de pozos desecados,

de aves que se afastan e deitan na distancia

un círculo de cinza, aneis de nubes baixas,

solemnes escaleiras que soben a ningures.

Os mortos que alá veñen do fondo do misterio,

felices de sorrir con algas no cabelo

e túnicas deixando ronseles de brancura.

Os mortos que executan os mares da soidade.

barcos

tha_lost_ships_in_the_sky_by_cute0designer-d3fjt7m

Os barcos que regresan e van deitando as áncoras

no fondo deste porto da memoria

sulcaron noutros tempos os mares que eu vivín

e foron percorrendo as décadas e os meses,

os lagos que abril puxo no inverno engalanado.

Son barcos como corpos que outrora se afundiron,

divisas ou emblemas que o vento esfarrapou

e foi esparexendo por fondos abisais,

por leitos de rochedos ou areas.

Os barcos como aves dun ceo de ocaso azul,

silentes debuxando a liña do ronsel

e a lámina febril do océano rompendo.

Os barcos como verbas, palabras que calei

e fun gardando en sacos de tristeza.

Os barcos como illas, tamén como distancia.

Os barcos como incendios que o vento propagou

nas illas onde habitan as sireas.

veigas

Sarolta-Ban9

Nas veigas que abril abre no sur como unha porta,

deixando entrar o vento, tamén algo de chuvia,

repousa o corpo antigo, que amou na mocidade,

o corpo aquel que eu tiven e foi para o naufraxio.

Ben vexo entre as súas mans as follas dun poema,

as follas dunhas flores que abril esparexeu

e foi deitando en praias, en noites, en hortensias,

semente dunha longa, infinda sinfonía.

Tamén conservo frías as augas daquel tempo;

as augas que chegaron de mares na distancia

e viñan dando conta da noite e do misterio;

as augas que se ergueron nun vello pentagrama

e alí deixaron aves e xílgaros e canto;

as augas que eran aves de estraña natación.

Son veigas que amañecen ás veces cando soño,

camiños que fundou o tempo pola infancia,

laranxas expremendo, mazás como agasallo,

e o río na difusa, celeste expiación

de todos os pecados, de tantas ignominias.

Que ben sentir chegar xa vello aquelas tardes,

cabalos de pel branca que viran para o sur

e deixan un silencio, un voo como de pausa.

across the universe

3091900-jaj-o-zachodzie-s-o-ca-w-wodzie--surrealistyczne-grafiki-cyfrowej

Do mar que apousa agora nas dornas da distancia

deixando atrás a Illa, tamén Vilagarcía,

as ondas son incendios que baten contra o sol

e eu tento esconxurar no corpo a enfermidade.

Cangado co fardel dos anos xa vividos,

deitado nun silencio que ferve con palabras

e vén esparexer poemas coma este,

medito sobre ti e sinto o esquecemento

galgando entre os vapores do solpor,

oh luz do mar tranquilo

oh tenue anoitecida.

Nothing’s gonna change my world.

 

Das barbas que progresan nos bordes do meu rostro

e acenden brillos brancos de vello e de cansazo,

un voo de trigo novo lambido polo sol,

regresa  o tempo atrás e funda unha cidade,

un longo imperio triste que nunca conquistei,

a voz dunha soprano que murcha na memoria

igual  que murcha agosto o orgullo das hortensias.

Sentado a dar sentido no fondo da conciencia,

fervendo os meus absurdos, varrendo os meus fracasos,

oh luz do mar tranquilo

oh tenue anoitecida.

Nothing’s gonna change my world.

maldito país

photographicsurrealism1

Raza escura galaica

de rústicos instintos

que inxusta sacrificas

os teus mellores fillos;

madrasta desleirada

de designios cativos,

proxenie ignava e inculta

que aborreces teus ínclitos;

da polvorosa gleba

pobo tan só engreído

e ás cousas inclinado

dos escuros sentidos;

¡ai de ti, dura raza,

de proceder esquivo…

Eduardo Pondal

Ah, meu país,

Meu maldito país.

E pensar que che entreguei o mellor da miña vida

Para só recuperar froitas murchas e fracasos.

Para sempre arriarei do meu peito a túa bandeira.

Fortuna

Do vento amargurado que chega algunhas tardes

soprando desde o fondo da memoria,

os barcos empurrando camiño do porvir,

igual que se seguise un rumbo prefixado,

tamén chegan ás veces os ecos do naufraxio,

das naves que ficaron ao lonxe esmaceladas,

dos beixos que mordeu a morte sobre o mar,

abrindo antigas chagas e outonos cicatrices.

 

Son ventos que abren harpas e pousan un cristal,

un líquido feliz que bebe do silencio

e  vai gañando arcos e portas e murallas,

obstáculos que a noite dispuxo contra min

por ver de derrubarme igual que antigas torres.

 

Mais eu conservo a sorte. Fortuna abenzoou

o corpo aquel que eu tiña, o mesmo que, ficando,

aspira a novas décadas, a séculos vindeiros.

O corpo como un voo da noite entre palabras,

o corpo como un día de nubes e tristeza.

destino

bloodofapoet

As torres que eu erguín na altura dos meus anos

virando van en néboa, entullos e borralla.

Do ceo que outrora ían camiño de atinxir

non vai ficando acaso máis eco que a distancia.

Os barcos afundiron, as velas esqueceron

turrar do barco inerme coa brisa amolecida

e o mar ficou varado, un mar de esquecemento.

 

Oh terra, terra miña, lugar que o inverno ensume

en cólicos de pranto, por onde o teu porvir?

Será que desdebuxas agora o teu perfil

á espera doutra seiva máis nova e renovada?

Será que non dispomos da honra de servirte,

do orgullo de ser sabios?

Será que está apagado de novo o teu solpor

ou pode que o mencer ficou máis unha vez

na loita entre o destino e os erros dos humanos?