celebración da ruína

IMG_1163

Das torres que se elevan da lámina do outono

Sumidas entre os voos das plácidas lavercas en soños de cristal,

Ningunha máis difusa, máis dada a se esvaír,

Que aquela que pertence aos altos baluartes de min e a súa fronteira.

Imperio que decrece ou reino que esvacía os mapas e os contornos,

De todo canto un día puideron achegar dos límites os grandes

Exércitos, lexións

Que acaso se acendían na loita e na batalla,

Non fica case nada. Eu son a capital

Dun mundo que se perde, o centro dun estado

Que non perdurará. Cidade consumida,

Xa triste, macilenta, sen luces nin orquestras

Que acendan a loucura na noite e a verbena.

Así que nestes tempos de dúbidas e grandes relampos e clarores

A umbría na que fico, a sombra que pertence

Ao íntimo das febres que habito e que padezo,

Oh nunca dará luz, estéril será sempre.

Mudaron os modelos que eu quixen imitar.

Só tebra, escuridade, contemplan os meus ollos.

Se o público procura foguetes, estouridos,

E pólvoras e cargas que estralen, que rebenten;

Se as grandes concorrencias, abertos auditorios

Apostan pola música

Corrente, pola rústica

Maneira de formar as harmonías,

Melómano do interno, daquela exhalación

Que prende os seus furores nos lenzos da distancia,

E acerta a definir só trazos esvaídos

Ou aves intanxibles e brétemas e fumes,

¿A quén, entre os que dormen, debera encamiñar

A cítara e o son de frautas e salterios?

¿Por quén atesourar encontros compracentes

De notas ou de harpexios, de acordes e cristais?

¿Existe alguén aí que escoite, que delire?

Mellor será deitarse a ollar como se afunden

Cabanas e palacios, e torres e tabernas.

Que o insólito bulicio deturpe xa, esnaquice

Os códices e as actas, as cédulas, as lendas.

Advertisements