in the gloom

tumblr_legid8MoLi1qzse0lo1_500

Agora que entre os fíos dourados da tristeza

xa morre este sinal

das árbores tronzando a liña do horizonte

e son os baluartes da noite unha lanterna

que acende o son aberto

de heroicos bombardinos,

sentido nalgún punto do sangue entre as arterias

que baixan como ríos,

medito sobre min, concentro esta linguaxe

en formas, en materias

que poidan derrubar aquela torre alta,

defensa contra a dor,

que ergueron as linguaxes e os códigos e as cinzas

e baixo ata a abertura dos cráteres da sombra,

dos lagos abisais,

dos mares interiores que dormen entre queixas

de pánico e cobrizas

medallas que gañei, acaso que roubei,

porque hai moitas medallas

furtadas ao misterio, que foron substraídas,

gañadas a algún cofre

de pánico, unha caixa de medo como flor

caída para o centro dun libro de botánica.

E sei daquela entrar nos tomos singulares

que contan a derrota.

abrir as bibliotecas do espolio, da ruína,

topar aquelas páxinas

que gardan esas liñas escritas para min

por mans de itinerantes

copistas, trobadores, vendidos por un rei,

acaso por un reino,

E así desdebuxar o incerto que me funda,

a noite que se prende

nos lagos en que dormen acuática agonía

as formas e as molduras,

As formas e os modelos que fomos ou que acaso

por sempre rexeitamos.

Oh canto custa ás veces chegar ata ese centro

que habitan os baleiros

de todas as palabras, de todas as cancións,

de todos os silencios,

E alí recoñecer que nada nos pertence

senón a melodía de heroicos bombardinos,

sentidos nalgún punto do sangue entre a tristeza.

Oh sempre os bombardinos,

A música da sombra.

Advertisements