Ningures

IMG_3544

Erguido entre as materias que a tarde foi pousando,

Celeste no arrebato do corpo a regresar

Por hortas e por viñas a un templo derrubado,

Celebras nese tinto que os labios condecoran

Os séculos de amor, os longos decorridos

Dos brazos e dos beixos seguindo unha fragancia.

A pel disponse clara, asume cada val

En rápidos meandros, e chega sinuosa

Á terra de Ninguén, Ningures, o lugar

Das uvas deliciosas e as vides da ebriedade,

O sitio en que os cabalos regresan a deter

A flor dunha carreira de ríos e distancia,

E ti, vello Ninguén, alí sempre deixando

O espello da nudez nos longos territorios

Dos viños decorados, os viños que inspiraron

A brétema do val.

Ninguén a percorrer as néboas de Ningures.

Advertisements