VINDICACIÓN DO AUSPICIO E AS CIENCIAS OCULTAS DA CLIMATOLOXÍA

Untitled-4

Das ciencias inexactas que tentan explorar

A cor da expectativa dos humanos,

Acaso esvaecida, sen xentes que procuren

De novo exercitala, encóntrase o escrutínio

Da música dos ceos.

E ventos e trebóns, saraibas, chuvias, brisas

Carecen de profetas, videntes e adiviños

Que queiran no seu fío a luz premonitoria

Trenzar con outros fíos de feitos e avatares.

Que a ciencia dos espacios e os datos que fornecen

Satélites e sondas non é menos ignara

Que aquela que goberna nas cartas e nos dados.

Por iso que fermoso nun monte atesourar

Os cánticos máis roucos dos piñeiros,

Oír o grave son do estrondo e da atroada

E diso obter a clave, a cifra e a cuantía

Dos signos do que somos.

Saber que os rumorosos, aínda a resoar

Na costa verdecente,

Consignan a mensaxe, comprenden o devir,

O avalo e o devalo da música e da sombra.

Ah Roma en tempos idos:

O César informado das aguias que deitaban

Noxentas feces negras nos mármores máis brancos

Do antigo Capitolio.

E tropas e batallas, colleitas e oferendas

Seguindo o sortilexio destes signos.

Advertisements