A DEVACLE DOS SIGNOS BIOGRÁFICOS

 

16083-0

Oh signos de ouro fráxil que verten sobre as tebras

Copistas miserables, calígrafos de néboa

Que mentan dos outonos botánicas materias

E cifran o meu voo en números e letras,

Eu nada teño a ver con tales existencias,

Por mais que me acubille debaixo desas tétricas

Imaxes do abandono e fotos balorentas

Que amostran do meu corpo efixies xa decrépitas

A historia vaise urdindo en ríos sobre a terra

Que baixan das cidades envoltos en secreta

E lenta mansedume, por iso me desvelan

Os símbolos que descen, a luz da decadencia.

Mais nada me vincula a min con esas vellas

Estéticas caducas, estúpidas miserias.

Que nunca ollei as lúas, a luz das súas esferas

Querendo achar a esencia histórica da era.

Advertisements