Funérea 1

alexey titarenko-city-of-shadows-

Hai mortos que navegan o pánico dos días

En barcos de canseira río abaixo

Coa carga dos seus labios feridos pola cinza

E o rumbo desnortado de incendios e naufraxios

Oh nada podes darlles que queiran recoller

Calados van non levan máis túnica que un vidro

E deitan unha flor de esgotamento

Ao pé de catedrais

Semente de cansazo

Debuxan nos espellos da néboa unha palmeira

E limpan as alforxas dos músculos e os brazos

Con sedas e materias azuis algodonosas

Que logo fan arder en piras e fogachos

Son mortos abrazables cadáveres que levan

Na boca unha viaxe de ínsulas fraqueza

De outonos consumidos de invernos inspirados

E a túnica do rumbo e os labios como barcos

E as flores dos seus vidros en rúas río abaixo

Se falan son concisos se choran non se escoita

E baten contra os muros e ascenden os harpexios

Deitando sobre as augas das pozas como un pano

Mortallas e vendaxes antigas carnacións

Que agora son estrelas e hortensias e lagartos

Advertisements