Guitarra

artistic-surreal-photomanipulation-by-sarolta-ban-02

Por máis que fortifiques o íntimo castelo

Que ampara e torna inmune robusto corazón

E penses que lograda dispensa, privilexio,

Careces de fraqueza, de atonía,

Hercúleo ante os embates do frémito, da pena,

Un día vai chegar que, estraño, te sitúe

Chorando a melodía de cancións

En bares, en mercados, transportes e hospedaxes,

Sen seres quen de oír, por tras desa harmonía

Menor outra mensaxe que lástima e piedade.

Piedade de ti mesmo por teres percorrido,

Na longa travesía dos teus anos,

Insólito camiño de amor pola linguaxe,

E lástima tamén de ti que non soubeches

Trazar outro percurso alén deses espectros

Dos signos e os sinais, das marcas e dos símbolos.

Lingüista xa maduro, dirás que o corpo xeme

Ao ollar como se amostra na lúa da distancia

A morte cos seus traxes de vidros e de estrelas,

Mais nunca poderás certificar

Que a liña que modula lamurias tan vulgares

E ingresa no castelo sen ser examinada

Por gardas e patrullas, reténs e vixiantes,

Pertence por enteiro á túa memoria

E tanxe algunha corda de guitarra

Gardada ou esquecida

Nos cuartos máis escuros,

No armario do sixilo

Que nunca voltará

A abrir o corazón.

Advertisements