Quod nihil scitur

P9130042

Ignora mentres poidas a regra principal

Que debe todo humano seguir no seu percurso

Se quere en grato porto as áncoras deitar

Despois de singradura gozosa e con ventura.

Non sexas pois, discípulo, dos deuses temeroso

Nin brilles por exceso nos ritos e oferendas,

Os cálices baleires de xeito apaciguado

E altares con ornato de flores atavíes

En maio e con motivo do próspero brotar

Das flores soamente.

Das crenzas e da fe mantente distanciado

Ninguén saiba cal foi a lúa de doutrina

Que en ti brillou de noite, nos tempos en que andabas

Sumido na espectral escuridade.

Ignora pois o nome de deus e nunca o digas

En van ou como arma que poidas arroxar

No rostro dos que o adoran cuspido como insulto.

Que humanos se entreteñan cos cánticos falaces

E deiten os seus óbolos de cinza nos sombreiros

Que dóciles ofrecen máis plácidos poetas.

Se cada igrexa impón a mística certeza,

Que sexa a túa roupaxe tecida só por dúbidas.

Advertisements