Embarque para Citerea

art,boat,landscape,photography-bc0b3ecb63556f2d6f5f285efe481242_h

Un vintetrés de outubro, alá polo ano catro,

Na lancha de vapor chamada María Pita

Na grata compañía de Oxea, de Carré,

Do outono e de Murguía,

Manuel Curros Enríquez embarca para o ocaso.

A nave sulca lenta os mármores do Atlántico,

Os ébanos que arden na lúa do solpor

E acende na premura o escuro neboeiro,

O brillo da distancia, acaso ese bater

Das bágoas sobre o rostro da dama despedida.

Aquí remata un ciclo. A historia virará

Igual que nos camiños a curva apresurada,

O mesmo que nos ríos o plácido meandro.

Xa nada será nunca o mesmo que antes era.

O trópico que asoma na proa do paquete,

As illas prometidas, o cálido lugar

Que acende a primavera da distancia,

Por máis que o barco atraque, por mais que os mariñeiros

As áncoras lle larguen nos fondos areosos do insólito Caribe,

Oh nunca serán illas de ensoño, de repouso,

Lugares en que a lira, bucólica, se asombre.

¡Maldita terra nosa! ¿Que foi que te fixemos

Que aínda co regalo da vida, da esperanza,

Inhóspita rexeitas o noso devalar

E, errantes, nos despides, en naves nos entregas

O símbolo manido

De antigos cadaleitos?

¡Doce malenconía, miña musa,

Do meu esprito noiva feiticeira…!

Advertisements