MORTE DE DON ÁLVARO DE MIÑO, DESCUBRIDOR DE ELDORADO

396843

A sete de Novembro de mil seiscentos tres,

Varados en remoto e exótico areal,

Despois dunha tormenta, con nove mariñeiros

Feridos e outros nove

Doentes dunha ignota enfermidade,

Sen auga que beber e escasas provisións,

A nave esmacelada, as velas corrompidas,

A Vós, oh Maxestade, que acaso non leredes

Xamais esta misiva,

Pedímosvos, en tanto que mediático

Dos súbditos humanos e as altas providencias,

Que axuda nos mandedes,

Pois sendo como é difícil achegar

Os barcos a esta illa, tamén é lucrativo

O longo beneficio, o rápido proveito

Que aquí conseguiredes encontrar

Pois son estas montañas, os plácidos outeiros,

Tan grávidos de ouro

Que mesmo mil navíos escasos resultasen

Se a empresa comezásemos do incómodo transporte.

Sen máis que vos pedir

E pouco que poder acrecentar

Despídese de Vós, don Álvaro de Miño,

Valente pioneiro,

Audaz explorador.

Advertisements