Novos tempos

IMG_3130

Xa nunca chegarei a aquel porto distante

En días de esplendor e mocidade.

Os barcos continúan tecendo as travesías,

As longas singraduras de brétema e inverno,

Mais eu deixei pasar os anos proveitosos,

Os meses e as xornadas de nova axitación,

As horas de ser crédulo, de darlle autoridade

Aos rumbos e os camiños da música do mar,

E agora estou parado, estático na casa,

Sen naves que tomar nin trens nos que partir,

Seguro de que o fado, a noite e a ruína

Xa saben onde estou

E poden vir buscarme se quixeren

E en centro da diaria ocupación

Voraces converterme.

Pasaron, pois, os días de andar a procurar

Os fíos do destino.

As parcas, e os escuros heraldos que me envían

Algunha que outra vez,

Coñecen con detalle os hábitos, o horario,

E non preciso entrar en barcos, en vehículos,

Países ou cidades estrañas e distantes

Que outrora camiñei

A abrírenme a conciencia do risco, da ousadía,

Acaso porque tiña comigo esa certeza

Da heroica mocidade:

“Ninguén virá por ti, seguro has camiñar

as pontes e os teatros, os ríos e as estradas.

Benéficos, a mente che acenden hoxe os deuses.”

Advertisements

Teoría do nomadismo

IMG_3247

Aquel que no regreso ás terras da súa orixe

despois de percorrer mil sendas e camiños

e a sede ter saciado en fontes e tabernas

coñece da súa patria o enigma e a memoria

e advirte que o lugar de hortensias en ruína

fumega entre as borrallas de trabes e madeiras

ben pode comprender que nada nos pertence

que ríos, territorios, outeiros e distancias

son límites, valados, paredes, promontorios

que acoutan o progreso dos nómadas, vadíos, errantes e fugaces,

daqueles que o seu curso deitaron nas estradas

e foron comprendendo dos homes o diverso conxunto, a diferente

maneira de agrupar as ánimas e os corpos, os cultos e as cancións.

Así que os territorios dos homes, os países

deberan agruparse, formar unha unidade

e sermos novamente vagantes, viaxeiros.

Lámpada

Landoflonelinessbycarasdesign

Non sempre que se acenden

as lámpadas incertas do outono sobre os campos

amence unha canción

pois teñen as hortensias corruptas na súa cor

sinais de ter deixado as áncoras das naves

feridas entre incendios de barcos e navíos.

Por iso cando un día

as íntimas lanternas espallan luminosas

un froito de fulgor

e arrincan das mazás, das peras, das ameixas,

a tórrida brancura das altas estacións

eu baixo a contemplar os ecos da mirada

e a liña sinuosa das frautas na paisaxe.

Viático

25233

Non todas as viaxes que puiden emprender

ao longo do decurso dos meus días

deixaron no meu corpo sinais ou cicatrices

nin lavas desprenderon os montes e os outeiros

dos vales que por pontes atallei.

Discreto camiñante, feliz por viaxeiro,

as ánforas que gardan os míticos segredos dos mares e das illas,

dos viños e das tardes xamais foron cocidas

nin houbo artesanía nas mans dos que as ergueron desde o barro.

Pois foron só vasillas con poemas, e rústicas arxilas, cerámica vulgar.

Por iso estou tranquilo. Ningún dos seus fragmentos

será na longa liña dos anos do porvir

obxecto de arqueólogo, materia de museo.

Así que o beneficio de insólitos periplos,

de ocasos e xornadas non pode ser seguido

alén do labirinto que forman as palabras.

Aqueles que profetas, errantes camiñamos,

os vales da miseria da linguaxe,

mal damos procurado no fondo deste voo

máis ponte ou máis arteria que o límite do sangue,

A DEVACLE DOS SIGNOS BIOGRÁFICOS

 

16083-0

Oh signos de ouro fráxil que verten sobre as tebras

Copistas miserables, calígrafos de néboa

Que mentan dos outonos botánicas materias

E cifran o meu voo en números e letras,

Eu nada teño a ver con tales existencias,

Por mais que me acubille debaixo desas tétricas

Imaxes do abandono e fotos balorentas

Que amostran do meu corpo efixies xa decrépitas

A historia vaise urdindo en ríos sobre a terra

Que baixan das cidades envoltos en secreta

E lenta mansedume, por iso me desvelan

Os símbolos que descen, a luz da decadencia.

Mais nada me vincula a min con esas vellas

Estéticas caducas, estúpidas miserias.

Que nunca ollei as lúas, a luz das súas esferas

Querendo achar a esencia histórica da era.

Funérea 1

alexey titarenko-city-of-shadows-

Hai mortos que navegan o pánico dos días

En barcos de canseira río abaixo

Coa carga dos seus labios feridos pola cinza

E o rumbo desnortado de incendios e naufraxios

Oh nada podes darlles que queiran recoller

Calados van non levan máis túnica que un vidro

E deitan unha flor de esgotamento

Ao pé de catedrais

Semente de cansazo

Debuxan nos espellos da néboa unha palmeira

E limpan as alforxas dos músculos e os brazos

Con sedas e materias azuis algodonosas

Que logo fan arder en piras e fogachos

Son mortos abrazables cadáveres que levan

Na boca unha viaxe de ínsulas fraqueza

De outonos consumidos de invernos inspirados

E a túnica do rumbo e os labios como barcos

E as flores dos seus vidros en rúas río abaixo

Se falan son concisos se choran non se escoita

E baten contra os muros e ascenden os harpexios

Deitando sobre as augas das pozas como un pano

Mortallas e vendaxes antigas carnacións

Que agora son estrelas e hortensias e lagartos

Guitarra

artistic-surreal-photomanipulation-by-sarolta-ban-02

Por máis que fortifiques o íntimo castelo

Que ampara e torna inmune robusto corazón

E penses que lograda dispensa, privilexio,

Careces de fraqueza, de atonía,

Hercúleo ante os embates do frémito, da pena,

Un día vai chegar que, estraño, te sitúe

Chorando a melodía de cancións

En bares, en mercados, transportes e hospedaxes,

Sen seres quen de oír, por tras desa harmonía

Menor outra mensaxe que lástima e piedade.

Piedade de ti mesmo por teres percorrido,

Na longa travesía dos teus anos,

Insólito camiño de amor pola linguaxe,

E lástima tamén de ti que non soubeches

Trazar outro percurso alén deses espectros

Dos signos e os sinais, das marcas e dos símbolos.

Lingüista xa maduro, dirás que o corpo xeme

Ao ollar como se amostra na lúa da distancia

A morte cos seus traxes de vidros e de estrelas,

Mais nunca poderás certificar

Que a liña que modula lamurias tan vulgares

E ingresa no castelo sen ser examinada

Por gardas e patrullas, reténs e vixiantes,

Pertence por enteiro á túa memoria

E tanxe algunha corda de guitarra

Gardada ou esquecida

Nos cuartos máis escuros,

No armario do sixilo

Que nunca voltará

A abrir o corazón.

Quod nihil scitur

P9130042

Ignora mentres poidas a regra principal

Que debe todo humano seguir no seu percurso

Se quere en grato porto as áncoras deitar

Despois de singradura gozosa e con ventura.

Non sexas pois, discípulo, dos deuses temeroso

Nin brilles por exceso nos ritos e oferendas,

Os cálices baleires de xeito apaciguado

E altares con ornato de flores atavíes

En maio e con motivo do próspero brotar

Das flores soamente.

Das crenzas e da fe mantente distanciado

Ninguén saiba cal foi a lúa de doutrina

Que en ti brillou de noite, nos tempos en que andabas

Sumido na espectral escuridade.

Ignora pois o nome de deus e nunca o digas

En van ou como arma que poidas arroxar

No rostro dos que o adoran cuspido como insulto.

Que humanos se entreteñan cos cánticos falaces

E deiten os seus óbolos de cinza nos sombreiros

Que dóciles ofrecen máis plácidos poetas.

Se cada igrexa impón a mística certeza,

Que sexa a túa roupaxe tecida só por dúbidas.

Tristia

netting-1013

Agora que entre os brillos do cálido verán

Comezan a soprar lixeiras brisas

E os versos malgastados na infame economía

Do cálculo e do ritmo da linguaxe

Sinalan a tristeza, acaso unha ferida,

Celeste cicatriz no corpo de Narciso,

O ser encantador, belísimo, perfecto

Que vive por adentro

E, en loita permanente, prodígase con Baco,

O bébedo e errante pescador

De lixos e de latas de sardiñas,

Os dous sempre a baterse nos ríos da conciencia,

Nos ríos que están cheos de cabalos

E nenos que degustan cereixas con preguiza…

Agora, digo, pois, que me percibo

Acaso amargurado, taciturno,

En lúgubre morada establecendo

En crónicas e anais a heroica mocidade,

Consigno que non foi tan épico o camiño,

Que non morreron tantos soldados nas batallas

Nin fortes baluartes valente conquistei;

Que as armas dos varóns, oh, sepultadas,

Por libros de poemas, misivas amorosas,

Arderon baixo as lavas dos cánticos de outubro.

Así que este poema celebre só a miseria

Dos días que me foron concedidos,

(Versículo emprestado, sen renda nin contrato,

Por certo bardo cego, escuro e arxentino)

E sexa como lámpada naval

Que furga no interior das augas máis nocturnas.

A lámpada que as naves afunden para ollar

Os corpos transparentes das medusas.