Le pâtre sur le rocher / Der Hirt auf dem Felsen*

*O derradeiro lied de Franz Schubert: O Pastor Sobre O Penedo

Amo estas paisaxes percorridas por antigos avatares de silencio
e outonados ocasos descendo ao mar gris
como se fosen aves tristes ou cincentas
que regresan á luz da infinita distancia
despois de teren posto as alas ebrias
nos tellados felices das casas do sur.

As longas alamedas de árbores silentes,
sobrepostas neste pó que erguen as tardes,
sen deixaren máis vestixio do seu paso que algún pétalo caído,
algún voo de pardal.

O leve fume que se ergue contra o pano do horizonte
reflectindo unha acuarela de borrallas
aínda húmidas do inverno que devala.

A estrada azul que deita fendas e ergue ecos de motores,
estralos de sol nos cristais,
e, mesmo, é un triste río que se apaga.

O vento que acariña nesta terra iluminada
a fraga que o alto sol non deita en sombra.

E o sorriso da túa voz a preguntarme polas horas,
esvaídas, distantes,
sob o alpendre que ampara unhas mesas de vimbio.

Advertisements