Da esencia da verdade

foto 222

A hermenéutica non ten sentido como método, ou sexa, como unha simple e extrínseca vía de acceso á verdade, senón que é xa, ela mesma, o proceso no que se manifesta a verdade.

A novidade máis importante, fronte a Dilthey, comézaa ofrecendo Heidegger, o mestre de Gadamer, ao considerar que comprender non é unha actividade humana entre outras, algo que o home pode ou non conseguir, segundo se segue ou non o método adecuado, senón que é a estrutura ontolóxica fundamental da existencia, que tería, por tanto, unha natureza ou un carácter radicalmente hermenéutico. Heidegger afirma, pois, que a sustancia de toda manifestación humana, de toda acción e de todo comportamento é comprender. Dío con estas palabras: “O modo propio do ser do home é existir como intérprete ou desvelador do ser”. E tamén con estas outras: “A comprensión é o modo orixinario de actualizarse do Dasein como In-Der-Welt-Sein.

O primeiro que fica invalidado é a tese, sostida por case toda a filosofía clásica, dun saber da verdade como coñecemento inmediato, atemporal e inmutable do ser das cousas. De modo que, fronte á hipótese filosófica, e tamén científica, dun coñecemento da verdade como coñecemento da esencia ou das leis que rexen o universo, Heidegger sinala que o que se produce, en realidade, sempre que coñecemos, é un círculo hermenéutico entre a estrutura da precomprensión –característica da condición ontolóxica do ser-no-mundo- e a explicitación que a comprensión leva a cabo.

Coñecer ou comprender a verdade dun texto ou dunha obra non consiste nun acto do suxeito en virtude de que este descobre a obxectividade das intencións ou vivencias do autor, axudado por un método que lle permite percorrer debidamente a distancia transportándoo a esas intencións, e salvar a diferenza simpatizando con esa vida allea que se obxectiva no texto. Comprender unha obra equivale a apropiarse a perspectiva de mundo que contén e que se dá nela de maneira lingüística, isto é, será a fusión do horizonte ou mundo lingüístico do lector co horizonte ou mundo lingüístico da obra.

Diego Sánchez Meca

Advertisements