Teoría do erro

surreal-photos-15

Dos erros que un comete ao longo da existencia
algúns derivan logo en noites e fracaso,
incensos que o misterio derrama sobre nós
o mesmo que se fósemos cabalos desbocados
por sempre castigados a correr.

Hai erros, pola contra, que viran o seu voo
e van deitando luces de agosto e longo estío,
estrelas que do alto derraman un camiño
e forman un incendio de brillo, de calor.

Son erros de virtude, disparos contra a chuvia,
percursos que noutrora nos mapas figuraban
por sendas de ignominia e agora nos dirixen
en fíos de cometas por límites de cores.

Benditos, pois, os erros que sempre se cometen,
aqueles que son lúas en noite de verbena
e labios con dozura ou sales de muller
e dátiles, améndoas, laranxas derrubadas
nun voo de vento irado, de brisa enlouquecida.

Bendito quen comete os erros unha noite
de incendios de verán, os erros que se entregan
con labios e silencio e axiña van mudando
facéndose loucura, amores e desterros.

Quen ama os grandes erros sen dúbida comete
un erro como un lirio e un signo de fracaso
pois nada máis errado que o triunfo ou a victoria:
o erro imperdoable.

Advertisements