Cántico espiritual

42journey_by_kleemass-d32w2j1

Daquela decidín perderme nos navíos,
subir a un paquebote e ser puro naufraxio
varar nos arrefices remotos da distancia
sen outra compañía que a noite e a soidade.

Non era só un desexo senón algo que ardía
un xeo que se acendera no solpor
en chíos de gaivota, en ondas que quebraban
e marco do silencio con harpas ou palabras.

Sentíamos o brillo do frío no seu centro,
un límite de lume, un témpano de tempo,
os meses conxelados quecendo no seu niño,
os anos que iniciaban a flor do seu devalo,
os días como hortensias feridas de setembro.

Ninguén podía abrir os ollos sen deixar
a vida na mirada. Pois todo o que se vía
non era máis que tempo, espido e sen linguaxe,
o tempo que perdera os seus vestidos,
o tempo sen máis forma que a pura exhalación.

Por iso fomos cegos, a noite a debuxar
carautas de misterio.

Por iso descubrimos na noite unha mirada,
un ollo eternidade que vía para nós
e, cegos, contemplamos de súpeto o fulgor.

Alí moraba o deus
da tarde, o que esparexe
figueiras polos campos e murcha a madreselva,
o deus que perseguiran con pedras como versos
poetas afogados en absenta,
o deus que daba flor en maio como as plantas,
o deus que puña ouro na luz sobre as areas.

Un deus como unha ollada deitada sobre o tempo,
un deus que tiña un ollo enorme de imposible,
fotógrafo dos aires e as brétemas e os fumes.

E vin alí deitadas as sombras dos poetas,
cabalos a pacer no límite do ollo,
améndoas para as aves que algunha vez chegaban
cargadas con memorias e con libros.

Poetas derrubados na crenza da linguaxe,
poetas que partiran en naves de vapor,
feridos polas flores e as lágrimas da brisa.

Poetas como trigo soñando unha tormenta
de sol tan abrasados que mesmo parecían
desertos ter cruzado en longa camiñata
dormidos sobre o lombo dalgunha nube errante.

E o deus miraba deles a sombra e a mirada,
perdíase a fitar delirios entre lirios,
e nada se escoitaba, silencio aparecía,
as vacas a pacer nos prados e nos campos.

Advertisements