Visión do Connemara

Day-By-Day-No11Tram

Os prados que hoxe vemos durmindo baixo a néboa
con vacas preguiceiras deitadas a soñar
coñecen o devalo das músicas de Irlanda.

Aquí foron pastores e frautas e guitarras
aqueles que lle deron á flor melancolía
o eco doutro eco dun eco esvaecido
fundado polo vento, erguido polas queixas,
acaso arrebolado con furia contra o ocaso.

E levan esas herbas de chuvias e de orballo
a máquina gloriosa da luz da tempestade
e as sombras do que fora un barco abandonado.

Oh Irlanda, grata orixe de tantas despedidas,
ti, berce do silencio e nai do esquecemento,
misterio recortado ao norte entre o solpor,
achégame outro vaso escuro de cervexa
e toca un aire antigo de xentes que partiron,
de sombras que perseguen un vello cervo branco.

Advertisements