Profecía 16

Surreal3

Hai tempo que amo os campos posuídos de solsticio,
inermes ante o voo que acende a terra toda
e frautas dun tremor que evoca para o espello
a liña dunha corda, tecida para min,
que chega ao corazón e baixa para o centro.

Eu vou por entre as herbas ferido por un soño
e xogo a ser feliz ollando a súa oferenda,
erguendo a miña man ao límite das nubes
ou pondo no lugar das néboas do desexo
a flor que erixe a noite en bátegas escuras.

As néboas que xa ollei e os ríos que se afastan
dispoñen a súa música prendida a unha palabra
ardendo como un páxaro.

E o día que se fende nas pozas e na lama
dispara o seu foguete de límpida ledicia
temendo ser infiel a un soño imperceptible.

Aquel que vai en min e teme ser distinto
coñece máis a fondo a luz desta proclama
e envolve nas súas túnicas, nos fúnebres tecidos,
o corpo que puidese facérsenos tristeza.

E así como nun barco, dispondo a nosa ollada
na liña do horizonte, no trazo doutra terra,
soñámos o lugar: aquel que sempre foi
o túmulo infindo, o eterno defunto.

Advertisements