(hi)Po(t)ética

Bizarre Surreal and Dark Art Pictures

De todas as materias que poden ser tratadas
No espacio libertario dos versos dun poema
Ningunha máis falaz, máis próxima á mentira
Que aquela que se abre camiño entre as palabras
Falando de si mesmas.

Procuras, intencións e buscas e demandas
Carecen por completo de importancia
Pois nada é nunca certo se baixa entre a maraña
De signos da linguaxe.

Así que non debera poeta que se precie
Falar das bagatelas, minucias, pormenores,
Que forman o torrente oblicuo da súa escrita
Pois nada nos importa, embuste sobre engano
E fraude ou impostura, se o cántico foi feito
Seguindo a traxectoria da vida ou dos ornatos,
Do instinto ou da cultura.

Falar sobre si mesma é sempre unha maneira
Estúpida de obviar aquilo que debera
De certo concentrarnos: que nada hai máis alá
Dos signos e dos símbolos, da rede que, tupida,
Oculta os espectrais baleiros da existencia,
O nada revestido con traxes e atavíos,
Con roupas e disfraces, espíndose na sombra
De xeito que lle ignoren
As carnes transparentes do corpo de medusa.