Monumentalia IV

How_soon_is_now_by_eikoweb

Cando deixes de ser a devota de abril
Que cultiva as maceiras en cartas de outono
E celebra o seu rito por riba das flores
E xa acaso navegues por mares máis fondos,
Posuída en fragmentos de luz que arruínan as sombras,
Lembra o día en que fomos ao templo da tarde
E queimamos madeiras de hortensia honrando a tristeza.

Alí fican aínda os despoxos dun soño,
Os fragmentos da febre que vimos crecer
Nunha lúa que abría o convite da danza
E os harpexios dun vello salterio afinado
Na poalla que extende a harmonía do olvido.

Tamén fican os ecos dun breve renxer
Das túas portas abrindo as murallas da idade
E deixando adentrarse os cabalos do mundo.

Deben, mesmo, quedar algúns restos de min
E un aroma de tempo detido e,
Tal vez,
De fracaso.

Advertisements