Poldros

Jukka Male

Se deitas unha espiña no centro da canción
e deixas que a ferida lle sangre ou se gangrene
verás que desa dor florecen vellas tardes,
camiños arrincados ao lume do crepúsculo
e un voo de labios tenros que deron en perderse.

Así que non dispoñas agullas, estiletes,
trebellos que abren fendas na carne do teu canto
se acaso consideras mellor para ese rumbo
tornar ás melodías que ascenden por abril.

Afástate daquela do outono e os seus ríos,
e anímate a sucar os campos constelados,
os bosques de maceiras, a música feliz,
algún dos signos gratos que fundan na emoción
tremores de ouropéndolas e xílgaros e aves.

Sé, pois, como eses poldros que arrincan das primeiras
calores un incendio de música e clamor.

Os poldros que se inclinan nas fontes a beber
os viños que arrecenden a flores e a pasado.

Advertisements