Dragados e (de)construcións

Xa nunca poderei chegar a aquela casa
Da longa balconada no límite do río.

As obras comezaron.
Obreiros e camións, piquetas e guindastres
Proceden desde agora a derrubala.

O anuncio que se olla na distancia
Con cores moi metálicas e vivas
Advirte que erguerán un novo hotel
Con vistas panorámicas, piscina…

Dirás que son un vello reaccionario.
Con xente coma min o mundo pararía…

¿Qué queres que che diga? Hai cousas que pertencen
á íntima canción, ao diálogo que un
emprende coa paisaxe, coas formas melodiosas
dos ríos e os outeiros.

Xa sei que nada é certo, que todo voltará
A ser de novo un día tan vello, tan antigo,
Como esta construcción, e un home do futuro
Igual ca min agora, acaso comporá
Un cántico inflamado
En contra do progreso.

Advertisements