Exortación aos estudantes do porvir

A ti, sabio estudante, que un día do porvir
Solemne concentraches a ollada nestes versos
E máxico tremor sentiches ao saber
Que aquel, que en días idos a Lidia lle entregou
Sublimes outonías e lánguidas preguizas,
Tamén en ti pensou, diríxome en febreiro
Do prístino dous mil pedíndoche tamén
Que alongues o ronsel de rito tan estraño
E acollas no máis turbio do ingrato corazón
A deusa benamada.
Porque ela, se é preciso, se quere fornecer
O río de vandálica fervenza, tamén fará por ti
As mesmas abraiantes, eróticas loucuras.
Por ver se no torrente das claras, bravas augas,
Consegue secuestrarche o ánimo ou o gozo.
E, preso xa nas redes da nova idolatría,
Tal cervo vulnerado, estudos acrecentas
Con Ela por obxecto, eu só de intermediario.

Advertisements