Primeira regra

Non sempre que se abre o inverno misterioso
Do canto o evanxelista coñece que materias
Terá que comentar pois poden as palabras
Trazar debuxos longos e ignotos que moi logo
Adquiran propiamente un río e un camiño.

Así que antes de máis o escriba ha de pousar
A ollada no horizonte e abrir as súas xanelas
Aos ventos do designio e ser sensible a eles
Sen medo de adentrar
O inverno cos seus froitos corruptos de distancia
Nos albos pergamiños, nas páxinas sagradas.

Que disto tomen nota aqueles que vulneran
As regras non escritas da pregaria
E saiban ter atenta a lúa da conciencia
A tantos enigmáticos, furtivos meteoritos.

Advertisements