Palabras

Agora están fechadas no cárcere dun soño
E mal poden abrir as bocas para o canto,
Mais son estas materias de brillos amatados,
De opaca transparencia, de ínfimo valor,
Aquelas que perduran no río da pregaria
E acenden luminosos, insólitos acordes,
Artífices do voo na fábula do outono.

Non teñen outro nome que Tempo, Chuvia, Casa,
Navío, Libro, Música, Silencio, Inverno, Voz,
Acaso aquelas outras palabras debuxadas
Nalgunha das paredes dos tristes calexóns
Que existen na memoria, na lúa da distancia.
Mais, sendo como son, incertas, transparentes,
Posúen sen embargo a dádiva febril
Da música dos signos,

Palabras que eu repito, oh símbolos e ríos
Que nunca deixarei de ollar e de perder.

Advertisements