A caída do imperio romano

Sen dúbida pertenzo á estirpe dos incrédulos,
Daqueles que furtados ao ilícito clamor
Da noite e as escuras fantasías
Deitaron a súa ollada no incerto desta hora
E foron procurar no leito doutros ríos
O brillo do diamante, a luz de antigos ouros.

Mais nada conseguiron encontrar.

Así que aquela fe, a crenza que moraba
Nos templos ortodoxos da conciencia,
Murchou como as hortensias. E as pedras sucumbiron
Ao embate das hedras e as chuvias e o inverno.

Non debo agora entrar no templo que veneran
Os últimos afectos das prístinas bandeiras.
Non quero que perciban as miñas ironías,
Oh eles sabedores de tanto arcano rancio.

Acaso podo ser molesto sen querelo,
Chegar e interromper algún dos novos ritos,
Pisar a froita fresca que xace sobre o chan,
Verter algún dos cántaros con augas olorosas,
Deixar que algunha voz recente se esparexa
Na música de verbos tan antigos.

Non debo, pois, chegar e oculto presentarme,
Portar unha oferenda sen fe na providencia,
Sen crer de feito en deus humano nin divino,
Agora que, xa vello, do Imperio no crepúsculo,
Comezan a espallarse, sectarios, os cristiáns.

Ah Roma derrubada, acaso máis fermosa
Do que na altura nívea, no tempo cenital,
Dos grandes poderíos,
Agora só ruína, borralla entre os espolios.

Advertisements