Presentación do evanxelista

Non podo retomar agora nestas lendas,
Que pouco e pouco van formándose entre os versos,
En curvos e alongados discursos balorentos
De fondas humidades, o idílico país
De ovellas e rabaños, de vides e oliveiras,
Oh Lidia, en que morabas nos tempos da túa voda,
Por mais que hoxe procures, xa ebrio, prodigarme
Brebaxes, bebedizos, narcóticos, menciñas.

Oh négome a tal cousa, non quero regresar
Á inhóspita rexión de templos derrubados
Agora que na luz da miña terquidade
Comezo a contemplar os ritos do porvir.

Oh insólita piedade, febril adoración
Futuras observancias que só un fundador
De auténtica liturxia é quen de predicir.

Así que no abandono do máxico delirio,
Nas horas que dedico a abrir algún sendeiro
No mato do futuro, non debes, Lidia, impor
As túas deshonestas luxurias, os boatos,
Que acaso consideres felices para a pompa
Do credo e do misterio.

Eu son o creador das novas relixións,
Aquel en quen converxen as liñas onduladas
De antigas devocións e inéditas piedades.
A deusa, ti, benéfica, non debes abafar
Ningún dos pormenores da doutrina.

Advertisements