Previsións metereolóxicas

Se ollases oh divina a néboa que se abate
Nos montes que che adornan distantes a distancia
E vises que esta hora de alba escurecida
Madruga entre grisallas humidades
Acaso o mesmo oficio de deusa ficaría
Ben curto para ti. Que o templo quede envolto
Nun manto borrallento non ha de ser moi grato
A alguén que ten por hábito baixar a escalinata
Espida sobre os mármores e logo contemplar
O brillo do seu corpo no vidro dos espellos
Xamais tan embazados, oh sempre sempre secos.

Así que podes Lidia deixar que o teu sopor
Prosiga sobre o leito ao tempo que eu procuro
Viandas e bebidas que o espírito che alegren,
Mazás e frescos zumes de piña, de laranxa,
E améndoas, uvas, figos, escuro pan de avea,
E leite enferruxado de cabra con azucres.
Ah plácido almorzar no leito mentres chove.

Advertisements