Si vis pacem

As mílites murallas, os pórticos castrenses,
Vestíbulos e arcadas, alpendres, barracóns,
Que deron acollida, serviron de refuxio,
Na gloria e na ignominia do éxito e a perda,
A aquel que a infantería serviu con dignidade,
Murcharon cando a guerra deixou de acalorar
Os ánimos e as ánimas, os corpos e as materias
E as armas silenciaron o ímpeto do lume,
O estrondo e o balbordo de heroica combustión.

Así que nada fica daqueles territorios
Gardados contra a noite, erguidos para o día,
Que vellos capitáns nun tempo proclamaron
Máis válidos que a vida, con prezo superior
A todos os que, a centos, podíamos morar
Na entraña dos seus cuartos e recintos.

Así que, combatente, non deixes de avaliar
As sabias advertencias, a cauta exortación
Que en forma de poema che ofrece este soldado:

Por patria ou por bandeira ninguén debe doar
O empréstimo fecundo da existencia,
Por credo ou argumento, por sede ou avidez.
As armas na fogueira, funestas, se aniquilen
E a pólvora con chuvias indómitas se estrague.