Fatídica

Se en hora de escoitar das cordas o rumor
Gravísimo que anuncia do oráculo a mensaxe,
Por peso do vivido, por falta de descanso,
Decides entregarlle aos soños a conciencia
E ignoras canto a voz que dita o que acontece
Recita en ton monódico, non penses que, iletrado,
De xeito tan infame, a sorte poderás
Burlar e escarnecer, e así, furtivo, abrir
A caixa que desata treboadas.

Acaso, se a fortuna se alía co teu barco
E en voos de suaves ondas empurra o teu velame,
En portos de occidente o corpo pousarás
E en pródigas tabernas o queixo, a salazón,
O viño catarás gozoso ou as améndoas.

Mais nunca nese abrigo amparo en triste día
Dos fados que executan condenas mortuorias
Lograr será posible, pois nada pode, alleo
Aos pérfidos decretos, vivir un só minuto
Sen ordes nin licencias, permisos e designios.

Advertisements