A lámpada central

As aves que atravesan a calma vestidura,
O impávido atavío do crepúsculo,
Camiño de lugares máis cálidos non saben
Vivir sen a quentura de maio ata novembro,
E cantan só na época estival.

Daquela que ninguén se ofenda se mentamos
O nexo, a ligazón
que agrupa a algúns aedos e os paxaros.

Por iso criticaba o sabio don Dinís,
Naquel vello poema en contra dos cantores
De estío da Provenza, a aqueles que só tanxen
A cítara nas chamas do verán
E premen só no fol da cornamusa
Os días en que é doce e grato ollar as flores.
Poetas de estación, da lira temporeiros.

Por iso aqueles outros que o outono veneramos
E o inverno enaltecemos de hortensias con grinaldas
A longa sinfonía do mar e os seus percursos
No espello tormentoso da incerteza
Da néboa que non deixa ollar a plenitude
Das formas e das cores
A lámpada empregamos, a lúdica lanterna
Do escuro neboeiro da linguaxe.

Así que algunhas cartas da exótica baralla
Que dita os avatares, os feitos, a ruína
Dos templos e os palacios, das crenzas e os imperios,
Non teñen outra efixie que a lámpada, a lanterna
Que acende ou ilumina; a lúa eternamente
Rotunda e circular, obesa, corpulenta.

Por iso algunhas deusas antigas posuían
As nádegas e o ventre das grandes luaradas,
Os peitos como centros de branca curvatura.
Pois eran eses signos de esféricos percursos
Aqueles que mellor mostraban o camiño
Das noites e dos tempos, dos séculos e a idade,
A vía que baixaba en grávida espiral
Os fondos territorios,
Os vales do universo e a conciencia.

Advertisements