Naufraxios

Siperb Fashion Editorial Photography Work by Ali Larrey

Despois de ter gastado o inxente capital
Da vida, da existencia, en portos e tabernas,
En buques e navíos; os mares navegado
En calma ou con tormenta, errantes singraduras
De océanos e ríos, periplos, cabotaxes,
Derrotas e percursos, xornadas, travesías,
Coñezo das nacións os rostros e as bandeiras,
A música que acenden os pobos no luar,
Sabores de alimentos, de froitas e bebidas,
E acaso varios centos de libros posuíron
O mimo dos meus dedos, o afago da mirada,
E mesmo algunhas noites amante souben ser
De corpos como naves varadas nas baías
Da gloria e da beleza.

Se son con todo iso o mesmo que partiu,
Hai máis de trinta anos, de idéntico peirao,
De igual embarcadeiro, sen peso na equipaxe,
Os soños de levísimo gravame, pouco máis
Cabía no fardel da heroica mocidade,

E teño, pola contra, aquela mesma vida
Cansada, corroída, deposta das alturas,
Do tempo cenital, pois, vello, xa camiño
Cos pés menos erguidos, as solas dos zapatos
Máis próximas do chan, a ollada máis caída,
As costas encurvadas, e a furia que batía
No centro do revolto corazón
Deposta e derrotada de pánico e fracaso,

Que foi o que gañei, que alto rendemento
Puidera retirar, se agora precisase
Gozar dos beneficios dos ouros investidos?

Memorias e lembranzas, imaxes e palabras.

Advertisements