Presentación do evanxelista

Non podo retomar agora nestas lendas,
Que pouco e pouco van formándose entre os versos,
En curvos e alongados discursos balorentos
De fondas humidades, o idílico país
De ovellas e rabaños, de vides e oliveiras,
Oh Lidia, en que morabas nos tempos da túa voda,
Por mais que hoxe procures, xa ebrio, prodigarme
Brebaxes, bebedizos, narcóticos, menciñas.

Oh négome a tal cousa, non quero regresar
Á inhóspita rexión de templos derrubados
Agora que na luz da miña terquidade
Comezo a contemplar os ritos do porvir.

Oh insólita piedade, febril adoración
Futuras observancias que só un fundador
De auténtica liturxia é quen de predicir.

Así que no abandono do máxico delirio,
Nas horas que dedico a abrir algún sendeiro
No mato do futuro, non debes, Lidia, impor
As túas deshonestas luxurias, os boatos,
Que acaso consideres felices para a pompa
Do credo e do misterio.

Eu son o creador das novas relixións,
Aquel en quen converxen as liñas onduladas
De antigas devocións e inéditas piedades.
A deusa, ti, benéfica, non debes abafar
Ningún dos pormenores da doutrina.

Advertisements

Teoría e práctica do poema como soño

O taxi estaba alí. Viñera sen parar.

Baixaches contra a noite e a chuvia esparexeu
benzóns sobre o teu corpo o mesmo que un hisopo
e houbo varias pingas caendo da túa fronte
ao límite da boca e houbo aqueles beixos
vermellos a mostrar o brillo nos relampos
da luz dos automóbiles.

E logo foi a man premendo no meu brazo,
a man que se coaba no oco entre as costelas
e o cóbado dereito, a man que era unha sombra
moi cómoda a pousar, caendo brazo abaixo,
no óso das cadeiras.

E o taxi xa partira. Solemne a pasaxeira,
aquela que eras ti, buscou coa man dereita
un gorro no interior do peto, a gabardina
gardaba aquelas breves sorpresas para a chuvia.

E aí remata o soño.

Non era máis que un soño.

República e delirio na obra poética de María Xosé Queizán

A obra poética de María Xosé Queizán está composta polas seguintes obras: Metáfora da metáfora, de 1991; Despertar das amantes, de 1993; Fóra de min, de 1994; Non o abras como unha flor. (Poesía reunida 1980-2004), de 2004, e Cólera, de 2007.

Tendo en conta a idade da autora cando se estrea como poeta, coa publicación do seu primeiro poemario, en 1991, sen termos (ou téndomos) en conta os cinco poemas publicados desde 1980 en Nordés e na Festa da Palabra Silenciada, e que podemos cualificar como poemas circunstanciais, non escritos como unidades dunha obra maior, é de obriga mencionar o serodio da vocación poética da autora, sobre todo sabendo que xa desde 1965 frecuentaba o espazo literario galego coas súas novelas, relatos e ensaios.

Esta demora obedece, á vista dos resultados, a un feito peculiar:

ler o resto do artigo

Xa veñen

De novo están aquí, semella que non houbo
un tempo en que a distancia abría a longa ponte
dos ecos da soidade, aquel reverberar
das augas contra a pedra, do vento contra as flores,
e veñen coas súas cores na altura das bandeiras,
e traen os seus camelos cargados con pianos,
con páxinas escuras de ignotos pentagramas.

Están de novo aquí. Alguén lles debería
facer un bo retrato, pedirlles que parasen
acaso algunhas horas e desen de beber
aos mortos e afogados, aos tristes, aos sedentos,
aos músicos deitados na sombra dos seus pozos,
sombríos violinistas tocando a súa pregaria,
igual que as aves tanxen a sombra do solpor,
o mesmo que as tormentas nas noites interpretan
antigos desconcertos de vento e percusión.

Que deixen de correr, que acouguen unhas horas,
que pousen os oboes, os altos contrabaixos,
e digan o dicir, e falen o falar,
que dean en mostrar a chave que abre as bocas.

Que garden contra as pontes as caixas do silencio,
do mel que se derrete de oír na escuridade
os melros embriagados.

Previsións metereolóxicas

Se ollases oh divina a néboa que se abate
Nos montes que che adornan distantes a distancia
E vises que esta hora de alba escurecida
Madruga entre grisallas humidades
Acaso o mesmo oficio de deusa ficaría
Ben curto para ti. Que o templo quede envolto
Nun manto borrallento non ha de ser moi grato
A alguén que ten por hábito baixar a escalinata
Espida sobre os mármores e logo contemplar
O brillo do seu corpo no vidro dos espellos
Xamais tan embazados, oh sempre sempre secos.

Así que podes Lidia deixar que o teu sopor
Prosiga sobre o leito ao tempo que eu procuro
Viandas e bebidas que o espírito che alegren,
Mazás e frescos zumes de piña, de laranxa,
E améndoas, uvas, figos, escuro pan de avea,
E leite enferruxado de cabra con azucres.
Ah plácido almorzar no leito mentres chove.

Si vis pacem

As mílites murallas, os pórticos castrenses,
Vestíbulos e arcadas, alpendres, barracóns,
Que deron acollida, serviron de refuxio,
Na gloria e na ignominia do éxito e a perda,
A aquel que a infantería serviu con dignidade,
Murcharon cando a guerra deixou de acalorar
Os ánimos e as ánimas, os corpos e as materias
E as armas silenciaron o ímpeto do lume,
O estrondo e o balbordo de heroica combustión.

Así que nada fica daqueles territorios
Gardados contra a noite, erguidos para o día,
Que vellos capitáns nun tempo proclamaron
Máis válidos que a vida, con prezo superior
A todos os que, a centos, podíamos morar
Na entraña dos seus cuartos e recintos.

Así que, combatente, non deixes de avaliar
As sabias advertencias, a cauta exortación
Que en forma de poema che ofrece este soldado:

Por patria ou por bandeira ninguén debe doar
O empréstimo fecundo da existencia,
Por credo ou argumento, por sede ou avidez.
As armas na fogueira, funestas, se aniquilen
E a pólvora con chuvias indómitas se estrague.

Agradecementos dun día de verán

O pan que hoxe comemos, o viño que alguén verte
deixando o seu ronsel de tinta pola mesa,
a brisa que fecunda as nubes sobre o mar
e forma esta distancia do límite do mundo,
o xeito en que me premes a man para dicirme
chegamos cando a tarde, que cedo veu a noite,
son signos todos eles, e máis que evocaría,
da roda que dá voltas ao círculo sen fin,
sinais de que a existencia foi grata para nós
e quixo regalarnos tamén a súa benzón.

O libro que me ocupa e a música que acende
partículas de vidro no norte da conciencia,
a forma en que o solpor proxecta as siluetas
da terra sobre o espello do mar que se escurece,
o pouso que nos deixan nos ollos estas tardes
fundidas como estrelas queimadas de claror,
o frío da poalla levísima que cae,
son mostras dos camiños diversos que procura
o tempo co seu leve devalo cara ás sombras,
os portos en que o barco dos días se refuxia
e non porque precise amparo ou acubillo.

Mil grazas debo dar por todo este agasallo,
por flores, por aplausos, por músicas e luces,
por ventos que arrincaron palabras do poema
e fóronas perder en pozos e caborcos.

Mil grazas pola auga que soubo esparexer
o abrazo dos seus líquidos no corpo e na mirada,
tamén polo sabor da froita e do silencio,
tamén polo rumor da terra cando chove.

Dúas meditacións sobre a morte I

Loitar por algo inútil é sempre unha maneira
De darlles ás bandeiras azuis da liberdade
Un folgo inesperado, un hálito distinto.

Unirse aos que regresan vencidos e asumir
Con eles a derrota; marchar cos que, caídos,
Anuncian o clamor da nova hora;
Fundirse coa lexión dos desarmados,
Parece un cometido de apóstolos, de loucos,
Que, acaso xa curvados co peso do fardel
Dos longos anos idos, precisan nese tempo
De índices e epílogos sumar outra medalla
Ás moitas adquiridas na gloria da milicia.

E certamente son as lúas da derrota
Sazóns para os que enchidos coa sapiencia
Penetran no interior baleiro do silencio.

Mais erra o que se atreve a ver no galardón
Indicios do porvir, sinais do que virá,
Pois nulos son os triunfos que a morte considera
E inútil toda insignia de victoria.
Nin óbolos admite aquela que acompaña
Os corpos consumidos ao reino da distancia.

Así que os que perderon e víctimas laiaron
Xa teñen unha mostra do que ha ser
O premio derradeiro.

Celebra pois chorando os teus mellores triunfos
Pois nada é máis falaz.
Que saibas que na morte ningún irá contigo.