Maradona

Alguén dirá de min que errei a miña vida,
Que fun ruín e débil, de feito impresentable.
Mais podo asegurar que hai glorias que merecen
Alén dese tributo do aplauso da tribuna
O pago doutro imposto que cobra a propia historia,
O rango de ousadías que Píndaro cantase.

Estamos, pois, agora no México de mil
Novencentos oitenta
E seis, aquela tarde
De máxico verán.
Eu son o que recolle intrépido a pelota
No centro dese estadio e avanza entre contrarios,
Aquel que en poucos metros arrinca xa ovacións.

O xenio que me habita, sublime, precipita
Os pasos do destino e eu mesmo son o fado,
A sorte, a estrela, o albur,
A porta que abre os eidos dos pastos da ventura.

Por iso cada toque do pé contra o balón
É case unha batalla
Gañada, un alto evento castrense, militar.
Un sobrio aceno épico
Que atinxe, sen embargo, os fastos do espectáculo.

Podedes repetir mil veces esa escena
E nunca encontraredes razón, motivo, excusa.
Así de caprichoso se amostra sempre o azar.

Por iso eses adornos, precisos, necesarios,
O esforzo derradeiro, o toque final.

E Arxentina xa gaña
a Inglaterra dous cero.

Advertisements