Do acontecemento

Resulta crucial a diferenza entre feito e acontecemento. Mentres o feito é algo que ten lugar como resultado da vontade, o acontecemento é o produto do devir, do azar, do fluír das cousas. A experiencia estética é sempre acontecemento, xamais feito. E ese acontecer das cousas sen nós intervir desvélanos o que os formalistas rusos chamaban estrañamento; o que Rilke tentaba explicar cando concibía a beleza como un fragmento do terrible; o que Joyce denominaba epifanía; o que Lacan distinguía como jouissance, gozo; e tutti quanti.

A diferenza entre buscar e encontrar. Ou, máis ben, ser encontrado.

Que terán algúns poemas, algunhas persoas, algunhas músicas, algúns cadros, algunhas casas, algunhas sombras… para seguiren sendo acontecementos? Unha vez tras outra. Nunca feitos, sempre acontecementos. L’événement.

Advertisements