Profecía 2-I

Eu sei que o corazón persegue algunhas tardes
retallos dunha lámina de cinza
prendida á túa memoria.

Despois dalgunha ponte que esquecín,
máis alá das páxinas que asoman a un caderno
de notas perdidas
en voos que se esvaecen polas fragas
xa perto do verán,
hai aguias que me lembran que aínda existes
deposta da túa altura, caída entre a follaxe,
como un páxaro gañado polas torres da preguiza
alí onde se encontran os límites dos ríos.

E se indaga o corazón nas fontes da túa umbría
e deita un lento cálice de néboa na mirada
a noite vai sulcando os mares últimos e chega
despois da alta viaxe ao límite da luz.

Alí arden salgueiros que as deusas frecuentaron
e choupos que celebran as chuvias do verán,
madeira toda ela con voos de limpas augas
e páxaros prendidos ao pórtico do tempo.

E eu rezo ante os altares que erixen este ensoño,
perdido e xa batido nas guerras que vivín
sen máis bagaxe miña que láminas paradas,
nupcial serenidade da noite sen quebranto,

Pois nada do que outrora foi noso segue vivo.

Advertisements